Thursday 16 de May de 2024

A Xunta destaca que o Plan Forestal de Galicia acadará un modelo de monte actualizado e sustentable


O director xeral de Ordenación e Produción Forestal participou na clausura da XXX Asemblea Xeral da Asociación Forestal de Galicia

O director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández-Couto, destacou que o Plan Forestal de Galicia (PFG), actualmente en revisión, acadará un modelo de monte actualizado onde prime a sustentabilidade e o incremento do seu valor engadido. Ademais, sinalou que contribuirá a promover a xestión activa dos montes, potenciando as súas funcións socioeconómicas e ambientais. O director xeral realizou estas valoracións na clausura da XXX Asemblea Xeral da Asociación Forestal de Galicia, que se celebra na localidade pontevedresa de Ponteareas.

Fernández-Couto salientou deste plan a súa procura dun desenvolvemento socioeconómico sostible, intelixente e estable no medio rural. Co fin de que a política forestal permita contribuír tanto a ese progreso sostible como á conservación e á protección do medio ambiente e á mellora da calidade de vida.

Dentro dos obxectivos do PFG, o director xeral sinalou a harmonización e equilibrio das múltiples funcións, servizos e beneficios dos sistemas forestais para a satisfacción das diversas demandas ambientais, económicas e sociais, de acordo co principio universal de sustentabilidade e multifuncionalidade. Tamén, o establecemento do marco territorial, sectorial e estrutural necesario para conseguir unha actividade forestal competitiva e facilitar procesos viables dentro dos novos modelos de bioeconomía verde e consumo responsable.

Nesta mesma liña, indicou que este documento permitirá a creación do escenario normativo, administrativo, financeiro e fiscal propicio para xerar oportunidades de actividade económica e emprego no monte e o sector forestal galego, de modo que permitan emprender iniciativas empresariais e contribuír a mellorar a situación económica, social e ambiental no medio rural.

O director xeral de Ordenación e Produción Forestal puxo en valor o labor desenvolvido pola Asociación Forestal de Galicia, no sentido de realizar un importante esforzo na formación e xestión de Montes Veciñais en Man Común, en materia de fiscalidade forestal, na promoción da silvicultura, na concienciación en materia e na prevención de incendios forestais.

Fernández-Couto lembrou que o forestal é un dos sectores que máis emprego crea en Galicia, cun total de 20.000 postos de traballo directos e 50.000 indirectos, ocupando o 6,6% da poboación activa da comunidade. E que Galicia é a 9ª potencia forestal europea e lidera esta industria a nivel nacional.